sábado, 28 de noviembre de 2009

TRENZA

Non me canso de dicir que esta masa sae extraordinaria, sae todo moi esponxado e con un sabor moi moi rico. Xa fixen unha trenza, á cal denominei rosco, unhas cuantas entradas atrás, pero non quedei satisfeita con resultado. Todo fora porque tentei experimentar cos levados. Con ésta fíxeno polo método tradicional e saiu deliciosa, de non poder parar de comer, vamos.
É a mesma masa que empreguei no brioche recheo de crema pasteleira. Polo que se pode dicir que é unha trenza de masa brioche.



Ingredientes
2 ovos + 1 para pintar por encima
400 grs de fariña de forza (máis ou menos)
25 grs de levadura de panadería
100 cc de leite
75 grs de manteiga
50 grs de azucre + unha culleradariña para a levadura
1 sobre de azucre vainilla ou unha cullerada de esencia de vainilla
Media culleradiña de esencia de limón (opcional)
Unha culleradiña de aroma de azahar
1 culleradiña de esencia de anís
1 culleradiña de sal


Elaboración
-Sacar a manteiga da neveira, troceala e deixala a temperatura ambiente mentres se vai facendo o resto
- Amornar o leite e desfacer nel a levadura coa axuda dunha culleradiña de azucre. Deixar fermentar arredor de 20-30 minutos tapado con film, ata que triplique o volume.
- Tamizar a fariña e agregarlle o azucre, o sal, os ovos batidos, as esencias e a mestura de levadura, xa fermentada. Mesturar todo ata conseguir una masa homoxénea que non se pegue ás mans nin ao conco. Empecei mesturando coa culler de pao e rematei coas mans. Se non chega a fariña inicial engadiráselle máis. Finalmente engadimos a manteiga a temperatura ambiente e integrámola ben. Custa un pouco, pero hai que ter paciencia, acaba integrándose (cando digo paciencia é paciencia, porque toda a manteiga se desparrama e a masa desfaise, parece que nunca vas conseguir xuntar aquilo, poden dar intencións de tirar todo ó lixo, pero non, hai que continuar porque ó final xúntase todo, prometido). Este proceso fíxeno coas mans. O final queda unha masa brandiña, parece coma pegañenta, pero non o é, despégase perfectamente da superficie de traballo e das mans.
- Envolvémola masa en película de cociña (film). Envolvémola ben para que non se saia ó fermentar e introducímola na neveira, no meu caso toda a noite (debe estar ben cuberta co film porque senón sairase. O film poñémolo frouxo para que poida medrar). Tamén se podería deixar fermentar a temperatura ambiente, no forno apagado, por exemplo, ata que dobre o volume, unhas dúas ou tres horas.
- Sacala de neveira, retirar o film e darlle forma. Sepáranse tres porcións de masa de igual peso e procédese a facer tres rulos con ela. Ese tres rulos entrénzanse.
- Deixámola fermentear nun sitio sen correntes durante dúas horas (dentro do forno apagado, por exemplo). Xa na bandexa do forno cuberta con papel de fornear.
- Metémola no forno prequentado a 180º. Estivo os 10 primeiros minutos a 180º e logo baixei a temperatura a 160º outros 20 minutos máis (como se pode comprobar eses 10 minutos a 180º xa fixeron que se me queimara un pouco polo fondo e que collera xa o color dourado porque a partir de aí púxenlle un papel de aluminio por encima para que non se tostara máis e subino unha ranura máis no forno. No, si este forno meu para tostonear non ten competidor).
Cando o sacamos do forno bañámolo co almíbar
Ingredientes para o almíbar
É o mesmo que o da larpeira. Facémolo mentres a trenza está no forno.
Medio vaso de líquido (anís e auga)
3 culleradas de azucre
Tamén podemos poñer menos auga e máis azucre, así quédanos un almíbar máis espeso
Preparación
Ponse a ferver tódolos ingredientes uns cinco minutos.
Cando se saca o brioche do forno pintámolo co almibar.
Tamén o podemos decorar con améndoa picada (eu ademais tosteina un pouco nunha tixola)


NOTA: A decoración está copiada de Nytta, do blogue “Dulce algodón”, espero que non lle pareza mal, pero é que ten tan bo gusto para a decoración dos doces e para a presentación das fotografías que non me puiden resistir a copiala. Ela tamén fixo unha trenza parecida (bueno a dela é máis bonita)



sábado, 21 de noviembre de 2009

BOLOS SUIZOS

Teño prohibido facer doces. Polo cal decidín que o mellor é facer algo que sexa por racións individuais. Así podo conxelar e pódese comer pouco de cada vez. Na miña casa non sabemos comer pouco. Se temos un biscoito imos á buscar un anaco ata que se acaba. Só fago algo doce unha vez á semana, pero somos de bo vir e todo nos presta. Temos falta dunha dieta, pero das rigorosas, pero sempre estou pensado que facer de comer. Ademais esto de viaxar polos blogues é o peor para as dietas, hai cada receita... Gustaríame probalas todas, pero o corpo está pedindo papas.
Esta receita é a que aparece no paquete da fariña de forza Harimsa. Levaba un tempo léndoa e hoxe decidinme. Sorprendeume o feito de que non levara ovo e sempre gasto demasidas ovos. Tamén me chamou a atención que só tivera un levado. Todo o que fago de levedar sempre leveda dúas veces. Aínda así non saen de todo mal.


Ingredientes
600 grs. de fariña de Forza
40 grs. de fermento fresco ou 30 gr. de fermento natural seco ( eu puxen 2 sobres de levadura de panadeiro da maraca maizena )
150 cc. de auga
100 cc. de leite,
100 grs. de manteiga derretida
100 grs. de azucre
Un chisco de sal.
Para decorar
Azucre humedecido con auga e un ovo batido.


Realización
Mesturar o fermento coa fariña. Bater a parte o leite, a auga, o azucre e a manteiga. Engadir o sal e 300 grs de fariña, amasar ben coa culler de pao ata que non haxa grumos. Engadir os 300 grs. restantes e volver a amasar, uns 5 minutos a man. A masa non é elástica,máis ben é quebradiza (ou polo menos así me quedou a min)

Dividir a masa en pequenos bolos duns 50 g cada un (eu non pesei fixen como me pareceu, uns máis grandes e outros máis pequenos), colocar nunha bandexa cuberta con papel de forno. Facer uns cortes transversais aos bolos cun coitelo ben afiado, espolvorear co azucre humedecido e pintar con ovo batido. Deixar repousar os bolos nun lugar tépedo e sen correntes de aire (eu usei o forno, primeiro con el apagado, durante unha hora,pero como vía que non medraban moito, encendíno a temperatura baixa, 30º,durante outra hora e así si que subiron), ata que dobren o seu tamaño, máis ou menos unhas 2-3 horas. Introducir no forno prequentado. Na receita di que a cocción sexa a 180º durante 15 min, pero a min o meu forno volveuma a xogar. Fixen dúas fornadas, na 1ª fixen como di a receita, pero pasoume o de sempre, ós 10 minutos tiñan un bo durado, polo cal decidín baixar a calor a 160º, despois de 5 min máis o dourado xa era moreno caribeño. Saquei un para ver como estaba e pareceume que estaba pouco cocido. Púxenlle un papel de prata por encima e deixeino 5 minutos máis. Cando os saquei estaban algo queimados por debaixo (eso que os puxen altos, xustamente por ese motivo, pois por arriba pónselle o papel de prata e xa está, entón prefiro poñelo sempre tirando a alto). Na segunda fornada púxenos a 160º durante 40 minutos e solucionado o problema do moreno (queimado). Eu quero facer coma o resto da humanidade e de vez en cando volvo a probar con 180º, pero non pode ser.




martes, 17 de noviembre de 2009

BISCOITO CEBRA

Este podo dicir que é un biscoito de aproveitamentos e de paso facer o experimento cebra que xa vin en tantos blogues e que tanto me gustou. Tiña un bote de leite evaporada a piques de caducar e dous plátanos no froiteiro moi maduros para o meu gusto. Case mellor que fose todo para o lixo e que non me puxese a facer experimentos porque todos estes experimentos aportan certa cantidade calórica que non lle favorece nada ós corpos. Como ía a comer con unhas amigas pois xa tiña tamén outra desculpa.



Ingredientes
200 ml de leite evaporado
10 culleradas de azucre (non quedou moi doce)
3 vasos (dos de nocilla) de fariña
1 vaso (dos de nocilla) de maizena
½ vaso (dos de nocilla) de aceite
4 ovos
6 pastillas de chocolate para postres de eroski
2 plátanos moi maduros
1cullerada de bicarbonato


Realización
-Bater co batedor eléctrico os ovos co azucre ata que quede ben espumoso. Incorporar o leite evaporado e seguir batendo. Despois, o aceite, batemos e por último os plátanos feitos puré.
- Engadimos a fariña, o bicarbonato e a maicena tamizados e pouco a pouco. Esto xa o podemos facer a man, eu continuei co batedor.
- Fundimos o chocolate no micro, un minuto e medio é suficiente, pero sacámolo a media cocción para remexelo senón queimaríasenos.
- Separamos a masa en dous. A unha das metades engadímoslle o chocolate e incorporamos ben. A esta última engadinlle un par de culleradas de leite evaporada porque estaba máis densa que a clara.
- Enmantigamos e enfariñamos un molde e procedemos co efecto cebra: dúas culleradas de masa clara no centro do molde, dúas culleradas de masa de chocolate no centro da masa clara e así sucesivamente ata que rematamos as dúas masas. Vemos como se van formando círculos concéntricos cos bordos das dúas cores. Este proceso require un pouco de paciencia porque algo tan sinxelo como o último paso, que é envorcar a masa e listo, convértese en algo lento e preciso.
-Introducimos no forno prequentado a 160º durante 55 minutos, os dez últimos co ventilador. Esto no meu forno, o mellor que cada un saiba como vai o seu forno. Á media hora introducimos unha agulla, unha brocheta, un coitelo e comprobamos como vai e canto tempo lle fará falta. Estará listo cando saia seco.


COMENTARIO: A verdade é que para o meu gusto non vale a pena o esforzo que require o efecto cebra este.

Non saiu moi bo. Quedou bastante seco. Pode ser que se pasase un pouco de forno.

viernes, 13 de noviembre de 2009

FLAN EXPRÉS

Esta receita non é miña, é de miña nai, pero pareceume boa idea anotala para acordarme en caso de que me faga falta. A verdade é que se tes invitados imprevistos ou se non tes moitas ganas ou moito tempo para facer unha sobremesa, ésta saca a calquera dun apuro. A quen non lle gusta o flan?
Fixen flan moitas veces, diría que a miña especialidade é o flan de queixo, pero iso de estar tanto tempo dando conta del... Este en 15 minutos, flan listo.
O único requisito, unha pota exprés e unha flaneira con tapa hermética dun litro.
Se teño que identificar a miña nai con un obxecto sería precisamente con unha exprés porque ela é igual, rápida e eficaz. Ademais ás veces tamén lle salta todo o vapor de repente, pero en canto o solta, xa está.
En canto ós ingredientes debo dicir que miña nai nunca é precisa con eles, pero fixemos un esforzo para ser o máis precisas posible.

Ingredientes
Para o flan

300 grs de leite condensada. Ela compra botes de 740 grs e bota como lle parece, di que algo menos da metade ( seguramente unhas veces é 300grs, outras 340...)
3 ovos
Leite (na receita aclaro a cantidade). Usa desnatado
Para o caramelo
3 culleradas de azucre
Unha de auga

Realización
- É imprescindible que teñamos unha xerra ou recipiente que nos permita medir os líquidos. As xerras dos batedores eléctricos teñen todas.
- Introducimos o leite condensado e os ovos no recipiente do batedor e batemos o conxunto ata que estea ben integrado.
- Agora ven a medida do leite. Completamos con leite ata que chegue a 750 ml e volvemos a bater.
- Preparamos caramelo, nun cazo ou tixola pequenos, con 3 culleradas de azucre e un chorriño de auga. Poñemos no lume ata que caramelice. Vertemos na flaneira cubrindo ben o fondo e un pouco as paredes. Tamén podemos usar caramelo líquido do que venden listo no super.
- A continuación introducimos na flaneira o preparado de flan. Tapámola.
- Metemos a flaneira na exprés con auga, de xeito que a auga chegue pola metade da flaneira.
- Tapamos a exprés. Deixamos que se levante a válvula e a partir de aí contamos uns 8 minutos. Deixamos saír o vapor. Destapamos, quitamos a flaneira, destapámola e deixamos arrefriar antes de desmoldar. Tamén o podemos desmoldar morno. Se o desmoldamos quente desfaisenos.

sábado, 7 de noviembre de 2009

ESPIRAIS E EMPANADILLAS DE XAMÓN E QUEIXO

Tiña no conxelador un par de placas de hoxaldre, desas que veñen dúas xuntas dobradas nunha caixa. Levaban alí máis dun ano, xa me saudaban cando ía o conxelador, confesáronme que estaban fartas de estar alí encerradas que querían descubrir novos horizontes. Parece ser que non se sentían útiles e querían ampliar a súa formación. Por facerlles un favor, porque caducaban nun mes e porque tiña ganas de algo que me soubera ben, tocoulles por fin.
Quero aclarar tamén que eu sempre lle chamo a esta masa hoxaldre, xa sei que non é correcta esa denominación, máis ben é un castelanismo galeguizado, a forma correcta de chamarlle sería masa follada, pero sinceramente non me gusta moito, ademais non a asocio, polo que seguirei chamándolle hoxaldre aínda que estea mal.
É unha receita moi sinxela, que non implica ningunha dificultade e resulta moi saborosa e vistosa.


Ingredientes
500 grs de hoxaldre (unha caixa de hoxaldre conxelado con dúas láminas)
Queixo de sandwichs (tipo de tranchetes), que funda ben
Xamón cocido ou pavo
1 ovo batido para pintar por encima

Realización
Das espirais: Cubrimos a prancha de hoxaldre co queixo e o xamón. Enrolamos como se fose un brazo de xitano. Cortamos en porcións de uns dous dedos de ancho e colocámolos encima da placa de forno cuberta con papel de fornear.
Para as empanadillas: partimos a masa en triángulos, neste caso como era dúas empanadillas cortei catro triángulos. Cubrimos un dos triángulos co xamón e co queixo e tapamos co outro triángulo. Selamos ben os bordos e practicámoslle uns cortes na superficie para que non inche demasiado.
Pintamos todo con ovo batido antes de introducilo no forno prequentado a 180º. Cando pasen 30 minutos sacámolos. O do tempo vai en función do forno. Está listo cando vexamos que a masa colleu color.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...